A Obra
A acción da obra atravesa 45 horas nerviosas dunha cidade onde fumega a ambición, os sonos, a traizón, a mesquindade, o desexo, a tortura e a beleza. Pero as peripecias comezaron moito antes, durante a infancia do bandido Mackie da Faca (Luis Tosar), que xogaba cos seus amigos a policías e ladróns, a banqueiros e proxenetas. Xa entón, Mackie era como ese cabalo que ule a gañador na liña de saída. Parece que nada pode detelo no seu camiño marcado de éxitos delituosos, ata que se lle antolla casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (Marcos Orsi). É o principio do fin. Pero antes léganos unha frase memorable: ”Que é o asalto dun banco comparado coa fundación dun banco?”.
|
A Consellería de Cultura e Turismo, Novacaixagalicia e a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura presentan a nova produción do Centro Dramático Galego A ópera dos tres reás, enmarcada dentro das programacións do Ano da Música de Galicia e Galicia Classics.
Con esta segunda proposta escénica para a temporada 2010-2011, a compañía pública galega actualiza o clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill con Quico Cadaval na dirección escénica e Diego García Rodríguez, na dirección musical. Ambos os dous póñense á fronte dun amplo elenco integrado por 11 actores-cantantes: ademais de Luis Tosar no papel de Mackie da Faca, acompáñano Marcos Orsi, Muriel Sánchez e César Goldi, nos papeis protagonistas, xunto con Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf", Begoña Santalices e Sergio Zearreta. Sobre o escenario, están acompañados en directo polos músicos: Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich.
 |


PRESENTACIÓN DO DIRECTOR ESCÉNICO

A maldición de Brecht

Por QUICO CADAVAL
Os artistas ruíns copian ideas dos outros, os artistas xeniais róubanas
Pablo Picasso
A ópera dos tres reás escribiuse, compúxose, ensaiouse e estreouse entre os anos 1927 e 1928. Procede dun acto de canibalismo sobre unha obra inglesa titulada A ópera do mendigo. Traducírona, cortárona, engadíronlle cancións que xa tiñan compostas para outras, roubaron textos de Villon e de Kipling, meteron chistes de bordel, introduciron ritmos populares, improvisaron, amputaron unha escena fundamental, engadiron outra superficial, incomodaron o río da acción con discursos descarnados, completaron o pastiche con sermóns relixiosos e, para rematar, decidiron iniciar a “ópera” cunhas coplas populares de crimes.
Ríronse Weill e Brecht da súa monumental provocación e sentaron a agardar o fracaso fumando un puro. O fracaso non chegou. O público berlinés premiounos cun éxito sen precedentes que se estendeu alén das fronteiras de Berlín e a súa obra converteuse nun clásico do século XX. Talvez o éxito debeuse ao extraordinario parecido da “ópera” e un século que, como a obra de Brecht e Weill, é fragmentario, caníbal, descarnado, superficial, descarado, que se podía narrar como unha novela de crimes chea de roubos, amputacións, sermóns e chistes de bordel. Por iso é A ópera dos tres reás o clásico do século XX, o espello en que se recoñeceu o seu tempo.
Nós decidimos contribuír á maldición de Brecht e tratalo como un clásico. Máis que lealdade ou fidelidade ás ideas da obra orixinal, nós imos máis alá e humillámonos ata o extremo da adulación meliflua. Consideramos cada personaxe como un grande heroe das crónicas antigas, tanto ten eivados, chuloputas, cacos, banqueiros, pendangas, delatores, corruptos, todos reciben a mesma luz dourada dos heroes de Troia ou de Waterloo. Brecht situou a trama no Londres da coroación da raíña Vitoria; nós quixémola situar no universo imaxinario de Brecht e Weill. Foi como espiar nos seus cuartos, debaixo das camas, nas gabetas secretas da mesa de estudo, e alí encontramos o cinema cómico, o folletín romántico, os bailes dominicais, as novelas populares, as estampas orientais, o teatro de fantoches, o surrealismo, a banda deseñada, a aventura transatlántica, o tango, a novela de crimes e, naturalmente, a opereta.
Con todo isto fixemos un instrumento óptico para poder ver dunha maneira nova un mundo tan antigo como é o noso. (Quico Cadaval, dirección escénica)
  |
|
 |
 |
 |
 |
 |
 |
FICHA ARTÍSTICA
Autoría: Bertolt Brecht e Kurt Weill
Dirección escénica: Quico Cadaval
Dirección musical: Diego García Rodríguez
Produción: Centro Dramático Galego
Elenco: César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Francisco Pérez “Narf”, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, Luis Tosar e Sergio Zearreta
Orquestra: Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich
Tradución do texto orixinal e adaptación das cancións: Pepe Sendón
Espazo escénico e deseño de iluminación: Baltasar Patiño
Deseño de vestiario: Carlos Alonso
Dirección de canto: Ramón Bermejo
Coordinación musical: Suso Alonso
Axudante de dirección: Nuria Sanz
Deseño de son: Guillermo Vázquez
Coreografía: Mónica García
Maquillaxe e perruquería: Trini Fernández Silva
Vídeo: Quique Otero
Fotografía: Francisco Arnoso “Pixi”
Deseño gráfico: Juan Gallego
Coordinación do vestiario: Cloti Vaello
Equipo de produción/dirección: Belém Brandido, Víctor Carbajales, Anabell Gago, Catia Lopes, José Díaz, Carmen Fernández
|
 |
 |
 |
 |
 |
 |
|